Saturday 18 de May de 2024

A Xunta valora o compromiso do Ministerio de Xustiza de non tocar a planta xudicial


A Xunta pediu ao Ministerio que parte do recadado coas taxas xudiciais se empregue en sufragar o incremento dos custes da Asistencia Xurídica Gratuíta

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou na Conferencia Sectorial de Xustiza, tras a que valorou o compromiso do Ministerio para que a Lei Orgánica do Poder Xudicial non siga adiante no que se refire á modificación da planta xudicial, tal e como xa avanzara o anterior titular de Xustiza.

Rueda e o resto de responsables de xustiza autonómicos reuníronse esta mañá co ministro de Xustiza, Rafael Catalá, nun encontro no que se lle solicitaron que, a través dunha emenda nos Presupostos de 2015, as comunidades poidan obter parte do recadado coas taxas xudiciais para sufragar o incremento dos custes da Asistencia Xurídica Gratuíta.

O ministro comprometeuse a estudar a proposta e trasladarlla ao Ministerio de Facenda, ao tempo que lles comunicou que se traballa para asinar con elas convenios de cofinanciación durante a tramitación dos Presupostos Xerais do Estado para o vindeiro 2015.

Rueda fixo unha valoración moi positiva deste compromiso, que era unha reivindicación xeral de todas as comunidades que sufragan a quenda de oficio; e aplaudiu a intención do ministro de revisar o sistema actual de taxas e ver si procede algunha modificación. Segundo o vicepresidente, tratase dunha revisión necesaria e oportuna que se ten que basear en criterios obxectivos, especialmente tendo en conta a repercusión real das taxas.

O número dous da Xunta destacou a rapidez da convocatoria por parte do novo titular da carteira de Xustiza, consciente da necesidade dunha interlocución permanente entre o Ministerio e os gobernos autonómicos. Precisamente para mellorar a comunicación entre os órganos xudiciais, o ministro comprometeuse a liderar, a través das novas tecnoloxías, a coordinación entre os xulgados das distintas comunidades autónomas.

Por último, o ministro de Xustiza tamén informou aos presentes sobre as reformas en marcha, como a Lei de enxuizamento criminal e o Código Penal; e as Comunidades Autónomas mostráronse de acordo coa medida da prisión permanente revisable, se finalmente se introduce no texto.